Nigran

O Concello de Nigrán ofrece o luns unha charla de prevención do ‘bullying’ a cargo de Iñaki Zubizarreta

O Concello de Nigrán planta cara ao bullying da man do IES Proval cunha charla impartida por Iñaki Zubizarreta, ex-xogador profesional de baloncesto que dedica hoxe a súa vida a detectar e previr o acoso escolar tras ter sufrido el mesmo unha situación extrema durante a infancia. A conferencia, dirixida a familias e profesorado, celebrarase o luns 27 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal, con entrada libre ata completar aforo (só para maiores de 18 anos). Ademais, o mesmo día en horario lectivo, o deportista ofrecerá obradoiros para o alumnado do IES Proval, nunha actividade promovida pola Biblioteca Escolar co apoio do Concello.

“Desgraciadamente é un tema de actualidade e, entre todos os actores implicados, debemos poñer todas as ferramentas ao noso alcance para frealo e erradicalo”, sinala o alcalde Juan González.

O ex-pivote de 2,07 metros, de 53 anos, xogou na década dos 90 no Cajabilbao, Zaragoza ou Valencia Basket. A súa historia persoal quedou reflectida no cómic Subnormal, una historia de acoso escolar (2020), de Fernando Llor e Miguel Porto, obra de gran valor pedagóxico que relata o sufrimento que o levou ao borde do suicidio con só 11 anos tras unha malleira dos seus compañeiros.

Zubizarreta define o bullying como “ese monstro con cara de neno que esnaquiza infancias e marca vidas”, e insiste na necesidade de romper a “lei do silencio”. “Do bullying pódese saír; hai boa vida despois do acoso, pero cómpre ter as ferramentas axeitadas”, afirma.

“A educación vai máis alá do rendemento académico: trátase de promover o desenvolvemento integral da persoa, tamén na súa dimensión ética e emocional. Cando hai bullying, é a proba dun fallo enorme en todo o sistema”, conclúe a edil de Educación, Estela Pérez.