Nigran

O Concello de Nigrán ofrece este domingo un bingo social de Entroido no Auditorio Municipal

O Concello de Nigrán celebra este domingo 15 de febreiro, a partir das 18:00 horas no Auditorio Municipal, un Bingo Social de Entroido aberto a toda a veciñanza e con participación totalmente gratuíta.

O premio ao ‘Bingo’ será unha cesta composta por produtos típicos do cocido galego: unha botella de viño, media cacheira, un lacón, chourizos, patacas, repolo e garavanzos. Pola súa banda, o premio á ‘Liña’ consistirá nunha caixa de orellas de Entroido.

En total, sortearanse 10 cestas e o Concello entregará de balde un cartón por persoa e por bingo, co obxectivo de fomentar a participación e o ambiente festivo nestas datas tan sinaladas.

Máis eventos de Entroido

O eixo central do Entroido nigranés continuará co tradicional concurso de comparsas o venres 20 de febreiro ás 21:00 horas e co enterro do Kiko de Parada na tarde-noite do sábado 28.

A programación complétase con outras propostas para todos os públicos:

  • Proxección de “+ Cuñados. Un Entroido Criminal” (hoxe ás 19:00 horas).
  • Entroido infantil (martes 17).
  • Proxección da película “Río” (sábado 21).
  • Excursión á Festa do Lacón en Cuntis (domingo 22), con inscrición previa este venres 13 de 9:00 a 12:00 no Centro Social de Vilameán e cun custe de 23 euros por persoa.