Nigran

O concello de Nigrán logra a cesión do antigo centro de saúde de Panxón por 50 anos

O Concello de Nigrán disporá durante os vindeiros 50 anos do antigo centro de saúde de Panxón tras recibir a resolución favorable do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, notificada oficialmente o pasado 9 de xaneiro e que será comunicada no vindeiro pleno ordinario.

A cesión pon fin a sete anos de complexa tramitación administrativa, motivada por non estar o inmoble correctamente inscrito no Rexistro da Propiedade. A parcela fora vendida en 1975 por 17.275 pesetas, mediante poxa pública, ao Instituto Social da Mariña, quedando desde entón nun limbo administrativo ao non ser inscrita pola Tesouraría Xeral.

Segundo recolle o acordo, o Concello comprométese a destinar o edificio a centro social para persoas maiores e a sede da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, asumindo durante o período de cesión todas as obrigas de mantemento, mellora e tributarias.

“Por fin acadamos o obxectivo final, que é recuperar para a cidadanía un edificio sen uso desde hai máis de 20 anos”, destaca o alcalde, Juan González, quen subliña que a resolución permite desbloquear unha situación histórica pendente e garantir o uso público dun inmoble estratéxico situado no barrio de Area Alta, a poucos metros da praia.