Nigran

O Concello de Nigrán levará abastecemento e saneamento ao Camiño da Pousa tras anos de xestións e autorizacións.

O Concello de Nigrán dotará de abastecemento e saneamento o camiño da Pousa, no barrio de Con (parroquia de Parada), unha obra moi demandada polos veciños da zona, na que residen actualmente 16 familias. A actuación foi aprobada esta semana e suporá un investimento de 241.000 €, que quedará consignado no pleno ordinario do mes de xuño.

“Levamos anos de xestións porque implicaba autorizacións da Xunta e cesións de veciños, polo que costou chegar a un acordo entre eles, pero finalmente dará servizo a todas as vivendas desta rúa”, explica o alcalde, Juan González. Engade ademais que parte da superficie afectada está clasificada como solo rústico con protección das augas, o que obrigou a solicitar unha autorización especial de Augas de Galicia, trámite que se demorou máis do previsto.

O proxecto contempla unha canalización de 500 metros de lonxitude, dende a estrada PO-332 (rúa do Castelo) ata o cruce co Camiño de Valverde número 7. As obras discorrerán tanto por terreo público como privado, incluíndo a execución de pozos de rexistro, fresado e demolición do pavimento existente, apertura de gabias, colocación de tubaxes, arquetas de conexión e reposición dos firmes e pavimentos.

Con esta actuación, o goberno local dá resposta a unha reivindicación histórica dos residentes