Nigran

O Concello de Nigrán impulsa a formación de brigadistas forestais contratando tres bolseiros do CIFP A Granxa e dúas técnicas en prácticas da Deputación

O Concello de Nigrán, pioneiro na comarca por contar desde 2022 cunha brigada forestal 100% municipal, reforza agora o seu compromiso coa formación de novos profesionais do sector ambiental. Dende esta semana e ata finais de agosto, tres estudantes do ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural do CIFP A Granxa (Ponteareas) realizan prácticas no municipio a través de bolsas FEUGA, froito dun convenio entre o Concello e a Consellería de Educación.

Ademais, desde novembro e ao abeiro do programa provincial ‘O teu primeiro emprego’, dúas persoas xa tituladas neste ciclo traballan como técnicas forestais en prácticas, cunha posible duración dun ano.

“Como administración, temos a obriga de facilitar a formación da mocidade que busca incorporarse ao mercado laboral. Estas persoas achegan novos coñecementos, experiencias e motivacións á brigada forestal, o que xera un enriquecemento mutuo”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca o obxectivo de converter Nigrán nun referente formativo para o alumnado do CIFP A Granxa.

A brigada municipal, composta por unha capataz e catro brigadistas, conta agora tamén con estes cinco alumnos-traballadores. Entre os seus labores atópanse a creación do Parque Forestal Os Matos-Río Táboas, a apertura de camiños para vehículos de emerxencia, a roza de contornas de vivendas en risco e a limpeza subsidiaria de fincas con expediente sancionador.

Segundo o concelleiro de Medioambiente, Diego García Moreira, tamén realizan tarefas de vixilancia e, en caso de lumes, colaboran na extinción xunto ao GES. “No Concello de Nigrán temos claro que, igual que se contratan socorristas para a tempada estival, debemos contar con brigadistas preparados durante todo o ano para previr incendios”, subliña González, quen conclúe: “É un orgullo contribuír á formación de novos especialistas”.