Nigran

O concello de Nigrán garante a continuidade do programa ‘Panacea’ para atender á mocidade con problemas de saúde mental vinculados ás adiccións

O Concello de Nigrán financia con 5.000 euros a continuidade do programa PANACEA, impulsado pola asociación Alborada, especializada na loita contra as adiccións. Esta iniciativa ofrece atención a mozos e mozas en risco de padecer problemas de saúde mental vinculados tanto ao consumo de substancias como a outras adiccións máis habituais en idades temperás, como as pantallas, o vapeo ou o tabaco.

O servizo funciona desde o 15 de agosto no Centro Antena e actualmente atende a nove usuarios de Nigrán, entre eles unha rapaza de 13 anos con adicción aos videoxogos. O usuario de maior idade é un home de 38 anos con problemas relacionados co consumo de estupefacientes.

O alcalde, Juan González, destacou a importancia de manter o proxecto no municipio: “Os resultados acadados no 2024 foron moi positivos, polo que non podíamos permitir que PANACEA rematase. Asumimos a financiación directa desde o Concello para que continúe en Nigrán”.

O programa naceu en 2024 en colaboración cos servizos sanitarios e sociais, así como cos departamentos de orientación dos centros educativos do Val Miñor, e desde entón xa atendeu 27 casos. A súa metodoloxía baséase nun equipo interdisciplinar —psicóloga, traballadora social e educadora social— que realiza visitas domiciliarias, establecendo un vínculo terapéutico próximo e reducindo o risco de abandono das citas.

As intervencións inclúen educación en saúde, mellora das habilidades sociais e da autoimaxe, prevención de recaídas e apoio ás familias. “No caso dos menores de 12 ou 13 anos, a principal problemática é a adicción ás pantallas. O primeiro paso é traballar cos pais, e se non é suficiente, ampliar a intervención co propio menor”, explican desde Alborada.

En palabras da asociación, “cada vez hai un inicio máis temperán no trastorno adictivo e unha maior normalización social, como ocorre coa tecnoloxía ou co vapeo, que a miúdo é porta de entrada ao tabaco ou outras substancias”.