Nigran

O Concello de Nigrán esixe á Xunta actuar de urxencia na cuberta do CEIP Carlos Casares

O Concello de Nigrán reclama á Xunta de Galicia que interveña de maneira urxente na cuberta do CEIP Carlos Casares de Vilariño ante o risco real de afección estructural por mor das pingueiras continuadas. Neste sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, enviou o pasado 5 de febreiro un escrito oficial á Consellería de Educación, a súa Delegación Territorial e a Dirección Xeral, recordando que é un asunto de competencia autonómica e reclamando que se tomen medidas urxentes ante «o perigo que isto supón para o propio edificio e para a seguridade do alumnado».

Este problema non é novo no centro, de feito, chegou a caer parte do falso teiro dun corredor e na actualidade a dirección mantén inutilizada unha aula da ala esquerda á que afectan as pingueiras.

«O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou a inicios de ano un total de 73,6 millóns de euros no orzamento da Xunta de 2026 para investir en grandes obras de reformas de centros educativos pero, de momento, e pese ás reiteradas peticións da comunidade educativa e do Concello, non temos novas de que se contemple esta intervención no CEIP Carlos Casares pese á extrema necesidade«, sinala o rexedor, quen adxuntou xunto ao escrito oficial un orzamento dunha empresa especializada que estima a reparación da cuberta en 267.000 €. «O Concello ten investido neste colexio máis de 100.000 nos derradeiros anos para a creación dun bosque-escola, a construción dun muro de contención, a remodelación da entrada, o instalación dun novo piso do patio cuberto… A cuberta é unha cuestión estructural na que a Xunta ten que implicarse urxentemente», demanda González, quen pon o Concello ao servizo da Xunta para buscar unha solución rápida.