Nigran

O concello de Nigrán elixe o cartel de Álvaro Cedeira como gañador do certame ‘Quin Alborés’-Nigranjazz 2025

O Concello de Nigrán escolleu como gañador do concurso de carteis ‘Quin Alborés-Nigranjazz’ 2025 a Álvaro Cedeira Pérez, un mozo nigranés de 25 anos titulado en Fotografía e Deseño e actualmente tatuador, quen presentou a súa obra baixo o lema ‘Jazznoaire’. A súa proposta —unha trompeta da que sae unha bandada de paxaros sobre fondo azul— ilustrará a XIX edición do festival, que se celebrará os días 18 e 19 de xullo na Foz do Miñor.

O certame, que homenaxea desde o ano 2010 ao artista Quin Alborés, mantén o anonimato dos participantes ata a decisión final do xurado, polo que resultou unha sorpresa que o premio recaese nun veciño do propio municipio. “Non gañaba ningún veciño de Nigrán desde hai máis dunha década, así que a alegría é dobre. Quin Alborés estaría moi orgulloso de ver este relevo”, sinalaron o alcalde Juan González e o director do festival Felipe Villar, ambos membros do xurado xunto a dúas deseñadoras gráficas locais, a responsable de comunicación do Concello e un irmán do propio Alborés.

O xurado destacou “a sinxeleza clásica da composición” e “o excelente traballo tipográfico que equilibra á perfección a ilustración co contido informativo do festival”, cualificando o cartaz como “un novo pulo para o certame”.

Pola súa banda, Álvaro Cedeira explicou que procurou “representar visualmente a esencia do jazz como linguaxe libre e evocadora” a través dunha metáfora poética onde a música conecta co espírito, coa natureza e co territorio. A pesar de debuxar desde pequeno e do seu interese profesional nas artes visuais, este foi o seu primeiro certame e tamén o seu primeiro premio. “Estou moi emocionado de ter gañado”, afirmou.