Nigran

O concello de Nigrán e o CEE de Panxón impulsan un proxecto de apicultura educativa no parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas

O parque forestal Os Matos-Río Táboas, situado na ladeira de Camos, continúa medrando como ecosistema sostible grazas á colaboración entre o Concello de Nigrán e o Centro de Educación Especial (CEE) de Panxón, que onte puxeron en marcha un novo proxecto de apicultura educativa para fomentar a biodiversidade e o equilibrio natural da zona.

A iniciativa consiste na instalación de oito colmeas, que achegarán ao bosque arredor de 250.000 abellas, favorecendo así a polinización e a fertilización natural do terreo. Este proxecto únese á colocación de caixas-niño para aves, realizada o pasado mes de febreiro, consolidando o compromiso do municipio cun modelo de monte máis natural e autosuficiente.

O alcalde, Juan González, destacou que “un parque forestal é un refuxio natural no que a engrenaxe da natureza funciona de xeito autónomo”, e subliñou que o obxectivo é superar a antiga visión do monte como simple fonte de leña, promovendo unha nova cultura ambiental entre o alumnado dos centros educativos do municipio.

O coidado das colmeas e a recolección do mel estará a cargo do alumnado do CEE, baixo a dirección de Álvaro Rey, profesor de Cociña con experiencia apícola. Contarán co apoio e asesoramento de Alfonso Vázquez, concelleiro de Nigrán e apicultor desde neno, e do veciño Jesús Pereira, propietario de colmeas na zona e colaborador habitual.

A Brigada Forestal Municipal, dirixida por Carla Pérez, tamén xogará un papel esencial plantando arredor das colmeas un bosque aromático nunha hectárea de terreo con especies como lavanda, romeiro, ourego, ruda, tomiño ou salvia, que servirán de alimento natural para as abellas e mellorarán a calidade do mel producido.

Pérez salientou a importancia de protexer as abellas fronte á varroa, os pesticidas e as velutinas, e enmarcou este proxecto dentro dunha estratexia máis ampla para facer do parque un espazo sustentable: “As caixas niño para aves, a inoculación de cogomelos shiitake e agora as colmeas forman parte dun mesmo obxectivo: garantir a vida natural e o equilibrio no monte”.