Nigran

O Concello de Nigrán culmina o memorial ‘Alfonso Álvarez Cáccamo’ adicándolle un dos pasos da Praza da Biblioteca.

O primeiro chanzo da escaleira exterior luce xa un verso do autor: “Onde flúen as distancias do primeiro río”

O Concello de Nigrán puxo este mediodía o ramo ao Memorial Alfonso Álvarez Cáccamo cunha homenaxe simbólica e cargada de emoción: a dedicación do primeiro chanzo da escaleira exterior da Praza da Biblioteca ao escritor. O alcalde Juan González, acompañado da familia e amizades do autor, descubriu o chanzo de granito onde está tallado o verso “Onde flúen as distancias do primeiro río”, pertencente ao seu libro Sebes contra o vento.

O rexedor anunciou que este será só o primeiro de varios chanzos que se dedicarán a escritoras e escritores vinculados con Nigrán, construíndo un espazo literario a ceo aberto como parte do compromiso do municipio coa cultura e a memoria.

O memorial a Alfonso Álvarez Cáccamo —falecido en marzo de 2023— desenvolveuse desde o mércores no Auditorio Municipal con diferentes palestras, exposicións e actividades literarias, reunindo figuras do ámbito cultural como Antón Mascato, Manuel Forcadela, Gonzalo Navaza, Marga do Val, Xavier Queipo, Marta Dacosta ou Pepe Carreiro.

Alfonso Cáccamo viviu boa parte da súa vida en Nigrán e foi mestre no CPI Arquitecto Palacios de Panxón. O seu piano forma parte hoxe da Escola Municipal de Música, doado polos seus fillos tras o seu pasamento.

Autor de obras destacadas como Peito de vimbio, Xente de mala morte ou Os Gotten, e galardoado con múltiples premios literarios, foi tamén articulista, humorista, artista plástico e, sobre todo, un home comprometido coa cultura e co amor pola vida, lembrado pola súa creatividade e xenerosidade.