Nigran

O concello de Nigrán celebrará o 40 aniversario de Luar na Lubre cun concerto no Chandefolk

O Concello de Nigrán celebrará o vindeiro sábado 29 de agosto unha nova edición do Chandefolk coa actuación estelar de Luar na Lubre, unha das bandas máis internacionais da música galega. O concerto terá lugar na carballeira de Chandebrito e será de balde, contando coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa “+ Música”.

A actuación forma parte da xira “40 aniversario” do grupo, que chega tras recibir en 2025 a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. A súa presenza reafirma o Chandefolk como unha cita imprescindible do folk galego, tras acoller en edicións anteriores artistas como Milladoiro, Budiño, Susana Seivane ou Xabier Díaz xunto ás Adufeiras do Salitre.

O alcalde, Juan González, destacou o orgullo de contar cunha formación nacida en 1986 na Coruña e que levou a música galega a máis de 35 países con máis de 2.000 concertos. A súa proxección internacional medrou especialmente tras a súa relación con Mike Oldfield, quen versionou o seu tema “O son do ar”.

Ao longo da súa traxectoria, Luar na Lubre vendeu máis de 350.000 discos, obtivo dous Discos de Ouro e nove Premios da Música, ademais de participar en festivais con artistas internacionais e estatais de renome. O grupo continúa a difundir a música tradicional galega cun enfoque contemporáneo, consolidándose como referente do folk celta.