Nigran

O Concello de Nigrán acolle este sábado en Monteferro a terceira edición do único trail de relevos exclusivamente feminino de España

O Concello de Nigrán será escenario este sábado, 27 de setembro, dunha cita deportiva pioneira en España: a terceira edición do ‘Asaltamontes Female’, o único trail de relevos exclusivamente feminino que se celebra no país.

A proba reunirá en Monteferro a preto de 300 mulleres chegadas de diferentes puntos de España e mesmo doutros países como Arxentina. Todas competirán en equipos de catro durante cinco horas, resultando gañador o equipo que complete o maior número de voltas a un circuíto de 2,5 quilómetros.

Un formato accesible e motivador

Cada participante terá que completar polo menos dúas voltas, nun percorrido tecnicamente sinxelo pensado para favorecer a parte máis lúdica do deporte e animar a mulleres de todas as idades a dar o paso. As categorías estableceranse pola suma de idades dos equipos, desde a división baby ata a de cañeras.

Un proxecto con nome propio

O evento é unha iniciativa da asociación Asaltamontes, fundada no 2022 pola atleta profesional Aroa Sío (natural de Fragoselo, Vigo) e pola súa amiga Arantxa Pérez de Lis. O seu obxectivo é claro: animar ás mulleres a “botarse ao monte” e gañar presenza nun deporte onde só representan arredor do 10% das participantes.

“Estamos moi orgullosos de ser unha referencia en España en deporte igualitario grazas a esta proba. O que buscamos é normalizar este tipo de eventos e que máis mulleres se animen a ser as protagonistas”, salientou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen agradeceu á asociación a súa aposta polo municipio.

Un movemento en crecemento

As “asaltamontes” son hoxe máis de 200 mulleres da provincia de Pontevedra —sobre todo do Val Miñor e Vigo— que organizan quedadas a través de Whatsapp para correr en lugares como Fragoselo, Saiáns, Coruxo ou Redondela. Aínda que o grupo abrangue idades moi diversas, predominan mulleres de entre 30 e 50 anos que están a recuperar unha paixón da infancia ou da adolescencia. Ademais, a asociación impulsa tamén quedadas internacionais, ás que acoden corredoras de todo o mundo.

O ‘Asaltamontes Female’ converterase, así, nunha festa deportiva e de sororidade, coa que Nigrán reafirma o seu compromiso co deporte feminino e a igualdade.

Fotos: Miguel Rua