O Concello de Nigrán acolle ata o sábado en Patos o Campionato Europeo de Surf Adaptado
Setenta surfistas de dez países europeos compiten nesta cita internacional que converte a praia nigranesa en referente de inclusión e deporte
O Concello de Nigrán vive un fito deportivo sen precedentes coa celebración do Campionato de Europa de Surf Adaptado na praia de Patos, desde este mércores e ata o sábado (ou domingo, se o mar o require).
A competición reúne 70 deportistas con diferentes discapacidades físicas de dez países —entre eles España, Francia, Italia, Portugal ou Reino Unido— e chega ao municipio tras catro anos consecutivos como sede do Campionato de España. O evento é posible grazas ao traballo conxunto da Federación Española e Galega de Surf, o Concello de Nigrán, a Deputación de Pontevedra, a Xunta, a Fundación Bimba y Lola e o Club Quenlla, único en Galicia dedicado á diversidade.
“Non podemos estar máis orgullosos de que Nigrán, grazas á praia de Patos, se sitúe no mapa mundial como sinónimo de inclusión”, destacou o alcalde, Juan González, quen fixo coincidir o campionato coa ‘Copa Concello de Nigrán de Surf Adaptado’ para deportistas con diversidade cognitiva.
O presidente da Federación Española, Román Díez, subliñou que “é a gran cita do surf inclusivo en Europa, que pon en valor o talento e o esforzo dos deportistas”. Pola súa banda, Luís Pena, do Club Quenlla, destacou “os valores de superación e constancia” que representa o deporte adaptado.

