Gondomar

O Concello de Gondomar reforza o apoio ao tecido asociativo local con convenios por un total de 4.200 euros

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, vén de asinar tres novos convenios de colaboración co obxectivo de reforzar o apoio municipal ao tecido asociativo do municipio. En total, o investimento ascende a 4.200 euros, que se distribuirán entre a Comisión de Festas de San Martiño, a Asociación O Millor de Cada Casa e a Asociación Carnavales de Mañufe.

O acordo coa Comisión de Festas de San Martiño inclúe tamén a cesión dunha carpa municipal para a celebración da tradicional verbena, que terá lugar esta fin de semana. Deste xeito, o Concello busca apoiar a continuidade das festas patronais e fomentar a participación veciñal.

Así mesmo, asináronse os convenios coa Asociación O Millor de Cada Casa e coa Asociación de Carnavales de Mañufe, destinados a respaldar a organización do “Túnel do Terror”, celebrado no antigo matadoiro municipal durante o Samaín. Esta actividade, que contou cunha alta participación, consolídase como unha cita destacada na programación cultural e social da parroquia de Mañufe.

O rexedor destacou que estes apoios “enmárcanse na vontade do goberno municipal de impulsar o asociacionismo e colaborar coas entidades que manteñen viva a cultura, a tradición e a convivencia en Gondomar”.