Gondomar

O Concello de Gondomar reafirma a súa colaboración no novo proxecto contra as inundacións, mentres a Xunta eleva a investimento a 3,5 millóns de euros.

O Concello de Gondomar vén de emitir un comunicado no que manifesta a súa plena disposición a seguir colaborando co organismo Augas de Galicia no deseño e execución dun novo proxecto de mitigación das inundacións, un problema histórico que afecta especialmente á contorna da avenida Curros Enríquez, coñecida como a circunvalación da vila.

Este novo plan, que parte da revisión do anteriormente licitado en 2022 por un importe de 2,2 millóns de euros —e que finalmente quedou deserto debido ao incremento de custos no mercado da construción—, contempla agora un orzamento de 3,5 millóns de euros e manterá as principais liñas estruturais e ambientais do proxecto orixinal.

Segundo informou Faro de Vigo, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, xa trasladou ao Concello a nova proposta e solicita a súa colaboración para axilizar os trámites e poder iniciar as obras no verán de 2026. Entre os obxectivos principais do proxecto está a substitución do sistema de drenaxe existente na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, baixo a estrada PO-340.

No seu comunicado, o Concello agradece que a Xunta tivera en conta as súas advertencias sobre a imposibilidade de desviar o tráfico por zonas peonís como a Praza da Paradela, unha medida inicialmente prevista que implicaría o paso de ata 10.000 vehículos diarios, moitos deles pesados, por un espazo pavimentado en pedra e humanizado.

Fronte a esta proposta, Concello e Augas de Galicia mantiveron un diálogo que derivou na posibilidade de executar unha variante paralela ou dividir as obras en dúas fases, evitando así un impacto grave para veciños e comerciantes do centro.

Non obstante, o goberno local expresa a súa sorpresa polo feito de coñecer as novidades a través dos medios de comunicación antes que por canles institucionais, e subliña que segue á espera dunha visita técnica por parte da Xunta para coñecer con detalle:

  • As modificacións concretas do proxecto.
  • O plan de execución previsto.
  • E a situación das expropiacións necesarias para construír un novo ponte paralelo.

O executivo que preside Paco Ferreira lembra que os atrasos sufridos polo plan anterior tamén se deben á falta de limpeza nos cauces fluviais e á necesidade urxente de recuperación das marxes do río, e insiste na importancia de traballar con seriedade e respecto entre administracións para desbloquear un problema que afecta á seguridade e calidade de vida da veciñanza.

Por último, o Concello reafirma o seu compromiso firme e responsable para lograr unha solución definitiva ás inundacións recorrentes, confiando en que a colaboración entre administracións permita avanzar sen novos atrancos.