Gondomar

O Concello de Gondomar inviste máis de 40.000 euros na mellora do Camiño do Picoto

O Concello de Gondomar vén de rematar as obras de acondicionamento e mellora do Camiño do Picoto – Igrexa, unha actuación financiada integramente con fondos municipais que supuxo un investimento superior aos 40.000 euros.

A intervención contou cun orzamento total de 42.983,54 euros e desenvolveuse sobre unha superficie aproximada de 1.180 metros cadrados, consistindo na renovación integral do firme para corrixir o deterioro existente e mellorar as condicións de circulación.

Os traballos incluíron a limpeza de cunetas, a regularización e compactación da base, o fresado do pavimento nas zonas máis deterioradas e a execución dun novo asfaltado con mestura bituminosa en quente. Ademais, procedeuse ao realce das tapas de rexistro co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.

Con esta actuación, o Concello mellora a mobilidade, a seguridade e a durabilidade deste vial municipal, dando resposta ás necesidades da veciñanza e reforzando o mantemento continuo da rede de camiños locais.

Segundo sinalou o alcalde de Gondomar, este tipo de obras son fundamentais para manter en bo estado as infraestruturas municipais, mellorar a seguridade e garantir un uso responsable dos recursos públicos, sempre co obxectivo de mellorar o día a día dos veciños e veciñas.