O Concello de Gondomar crea tres vivendas sociais para ampliar o parque municipal de vivenda pública
O Concello de Gondomar continúa a avanzar na creación dun parque municipal de vivenda pública coa posta en marcha de tres vivendas sociais destinadas ao alugueiro para familias do municipio en situación de vulnerabilidade.
O goberno local vén de aprobar e construír dúas vivendas sociais na antiga escola infantil de Sequiña, na parroquia de Mañufe. Esta actuación foi posible grazas á colaboración coa Xunta de Galicia e ao investimento de fondos propios municipais. As dúas vivendas atópanse xa executadas e serán postas a disposición da veciñanza unha vez finalicen os trámites administrativos e a convocatoria pública correspondente.
De maneira paralela, o Concello está a redactar o proxecto técnico dunha terceira vivenda social no antigo colexio infantil unitario de Borreiros, recuperando así un inmoble público en desuso para darlle unha finalidade social prioritaria. Ao mesmo tempo, estanse a ultimar as bases reguladoras que fixarán os criterios de acceso ás vivendas en réxime de alugueiro social, atendendo a informes técnicos do departamento municipal de Benestar Social.
As bases terán en conta criterios económicos, sociais e familiares, garantindo un procedemento transparente e xusto, co obxectivo de que as vivendas cheguen ás persoas e familias que máis o precisan.
Con estas tres actuacións, o Concello dá un paso decisivo na política municipal de vivenda e continúa a estudar novas liñas de actuación, entre elas a posible adquisición de terreos no entorno do casco urbano para poñelos á disposición da Consellería competente e impulsar futuras promocións con apoio autonómico e estatal.
