Baiona

O Concello de Baiona realiza un forte investimento na mellora dos parques infantís

O Concello de Baiona está a levar a cabo unha importante inversión para a rehabilitación e posta a punto dos parques infantís do municipio, logo de comprobar o deterioro que presentaban moitas destas instalacións debido á falta de mantemento durante o anterior goberno local. A situación requiría actuacións urxentes para garantir a seguridade dos menores e mellorar a calidade dos espazos de lecer.

Tras realizar un estudo pormenorizado das necesidades técnicas de cada parque, o goberno municipal executou e adxudicou recentemente intervencións de gran calado nos parques de A Palma, Dolores Agrelo e A Galiña Azul, que se suman aos traballos desenvolvidos ao longo do último ano en diferentes puntos do termo municipal.

O parque de A Palma, o máis concorrido da vila e tamén o que sofre un maior número de actos vandálicos, conta cun plan de choque específico. Ademais das reparacións urxentes xa realizadas na tirolina e nos elementos biosaludables, o Concello vén de adxudicar unha obra integral por importe de 36.255,45 euros para a restauración dos xogos e do pavimento nas zonas máis deterioradas. Os traballos inclúen a mellora da zona de calistenia, a reparación dos columpios dobres de bebé e a posta a punto do conxunto multixogo e da tirolina, garantindo o correcto funcionamento de todos os sistemas de seguridade.

Pola súa banda, o parque infantil da rúa Dolores Agrelo, fronte ao pavillón de deportes, foi renovado cun investimento de 24.198,54 euros. A actuación permitiu a instalación de novo pavimento continuo de caucho de alta seguridade e céspede artificial, a colocación dun novo peche perimetral de madeira e a rehabilitación dos xogos e do mobiliario urbano, mellorando a comodidade das familias usuarias.

No entorno de A Galiña Azul realizáronse melloras por valor de 4.779,50 euros, centradas na substitución do peche perimetral e na reparación dos bancos e da torre multixogo. Estas actuacións complétanse cun plan de mantemento continuo en parques de Sabarís, Santa Marta e das parroquias de Fontes, Portameán, A Granxa e A Rega.

Desde o Concello fan un chamamento ao civismo para preservar estes espazos, lembrando que o coidado dos parques infantís é fundamental para garantir a seguridade e o desfrute da infancia e para evitar gastos extraordinarios derivados de actos incívicos.