Baiona

O Concello de Baiona aproba os orzamentos máis elevados da súa historia para 2025 con máis axuda social e investimento produtivo.

O Concello de Baiona vén de aprobar hoxe en sesión plenaria, por maioría absoluta, os orzamentos máis altos da súa historia, cun importe total de 11.918.376,46 euros, o que supón un incremento do 6,34% respecto ao exercicio anterior. O obxectivo é claro: mellorar os servizos municipais e reforzar o compromiso social e inversor do goberno local.

Un dos piares fundamentais destes orzamentos é a posta en marcha da Relación de Postos de Traballo (RPT) e a creación da nova Oficina de Atención Cidadá, que permitirá reorganizar e optimizar os servizos administrativos, mellorando tanto a atención presencial como a online.

Compromiso social

A área de Servizos Sociais é a que recibe a maior dotación orzamentaria. O Concello reforza a súa aposta pola Emerxencia Social, cun compromiso firme de incrementar os recursos se fose necesario ao longo do ano. Ademais, créase unha nova subvención específica para a Asociación Española contra o Cancro, consolidando o apoio ás entidades sociais.

Investimentos produtivos en alza

O Concello incrementa os fondos propios dedicados a investimento ata os 352.708 euros, que se verán reforzados por convenios con outras administracións:

  • Xunta de Galicia: proxectos de humanización da Porta do Sol, mellora dos pavillóns deportivos de Baiona e Fontes, entre outras actuacións.
  • Deputación de Pontevedra: a través do Plan Extra, Plan Máis Provincia e o Plan de Infraestruturas Deportivas, destacan obras como a humanización de Santa Liberata, mellora da mobilidade peonil en Baredo, reformas nos pavillóns municipais e outras novas actuacións en fase de preparación.

Contención do gasto e eficiencia

Un obxectivo prioritario do goberno municipal é reducir o período medio de pago a provedores por debaixo dos 30 días, fronte aos 79 días ao comezo do mandato. Para iso, continuarase coa licitación de servizos municipais de gran impacto económico como o SAF (Servizo de Axuda no Fogar), actividades deportivas, telecomunicacións, mantemento de zonas verdes, recollida de lixo, limpeza viaria e subministración eléctrica, entre outros.

Convenio destacado

Xunto coa aprobación orzamentaria, o Concello destaca o importante convenio asinado coa Deputación de Pontevedra para realizar unha prospección arqueolóxica no recinto de Monterreal, un paso clave para a posta en valor do patrimonio histórico de Baiona.