O concello de Baiona aproba a actualización da taxa do lixo para cumprir a lei e avanzar cara un modelo máis sostible
O Concello de Baiona aprobou en Pleno a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos co obxectivo de adaptarse á Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, e avanzar cara un modelo de xestión máis sostible, eficiente e xusto.
Esta normativa estatal, en liña coa lexislación europea, obriga ás entidades locais a adaptar os seus sistemas baixo o principio de quen contamina paga, garantindo que as taxas cubran o custo real do servizo e evitando déficits estruturais que poidan comprometer a sostibilidade ambiental e económica.
Co apoio técnico e xurídico da Deputación de Pontevedra e da consultora PW Advisory & Capital Services, S.L., o Concello decidiu actualizar unha ordenanza que permanecía sen cambios desde 2009, pese ao forte incremento de custos nos últimos 17 anos —persoal, enerxía, transporte ou xestión en planta, entre outros—.
DÉFICIT DE MÁIS DE 450.000 EUROS
Segundo o estudo de custos encargado polo Concello, o déficit actual do servizo ascende a 454.276,46 €, o que representa unha cobertura do 58,72 %.
Coa nova proposta aplicarase un incremento do 25 % na taxa, reducindo o déficit ao 25,28 %, mantendo as bonificacións actuais e incorporando unha reducción do 10 % para os usuarios que participen activamente na recollida selectiva mediante o uso do Punto Limpo municipal.
A medida supón un primeiro paso cara á plena adaptación á Lei 7/2022, coa vista posta na implantación dun novo modelo de ordenanzas en 2026, no que o Concello busca equilibrar sostibilidade e responsabilidade económica.
CAMBIOS E NOVAS EXIXENCIAS
Entre as principais novidades que introduce a lei destacan:
- A responsabilidade ampliada do produtor do residuo.
- A regulación dos conceptos de subproduto e fin da condición de residuo.
- A actualización do réxime sancionador.
- O reforzo da recollida separada, obrigatoria non só nos fogares, senón tamén no sector servizos e comercial.
Actualmente, Baiona mantén un modelo mixto de xestión, con predominio da xestión indirecta. Só a fracción “resto” recóllese directamente, mentres que o papel, plástico, vidro, biorresiduos, téxtiles, aceites ou voluminosos xestionanse de forma indirecta.
Tamén o Punto Limpo municipal e os servizos extraordinarios —como os reforzos durante a Fiesta da Arribada ou na tempada estival— realízanse mediante xestión indirecta.
UN NOVO MODELO PARA 2026
O Concello encargou un estudo técnico a unha consultora especializada para analizar o funcionamento actual do servizo e definir o modelo máis adecuado de cara á súa reorganización, conforme aos novos requisitos legais, garantindo así un servizo eficaz e sostible.
Desde o Concello insisten en que o obxectivo principal é manter a calidade dun servizo esencial, asegurar o cumprimento da lei e premiar a colaboración cidadá na mellora ambiental do municipio.
