Baiona

O concello de Baiona apoia a visibilización do síndrome CTNNB1 coa recepción oficial ao representante da súa asociación.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Igualdade, Ana Iglesias Rodríguez, recibiron nas dependencias municipais a Juan Luis Carro, representante da Asociación da Síndrome CTNNB1, co obxectivo de dar visibilidade a esta enfermidade rara e apoiar o labor da entidade que promove o seu coñecemento e investigación.

A síndrome CTNNB1 é un trastorno xenético do neurodesenvolvemento extremadamente raro, causado por mutacións no xene que lle dá nome. Esta alteración provoca atraso no desenvolvemento, dificultades de aprendizaxe e pode derivar nun diagnóstico de discapacidade intelectual. Afecta a un número moi reducido de persoas en todo o mundo, o que fai esencial o apoio institucional e social para dar a coñecer a súa existencia.

Durante o encontro, o alcalde expresou o compromiso do Concello de Baiona coa inclusión, a igualdade de oportunidades e o apoio ás familias que conviven con este tipo de condicións. “Baiona é un municipio sensible e comprometido. Hoxe damos un paso máis para darlle voz a quen a precisa e apoiar a quen traballa por mellorar a calidade de vida das persoas afectadas”, destacou Vázquez Almuiña.

O Concello valorou tamén o labor da Asociación da Síndrome CTNNB1 e agradeceu a Juan Luis Carro o seu traballo incansable para impulsar a investigación e a sensibilización. Dende a institución municipal reafirmaron a súa disposición a colaborar en iniciativas futuras que promovan o coñecemento desta enfermidade e contribúan á inclusión plena das persoas con diversidade funcional.