O Concello de Baiona advirte da falta de garantía sanitaria en varias fontes públicas
O Concello de Baiona vén de revisar a calidade da auga das fontes municipais, en cumprimento da normativa sanitaria vixente, e informa que varias delas non dispoñen de garantía sanitaria ao non estar conectadas á rede de abastecemento nin contar con tratamento de desinfección con cloro.
Como medida preventiva e para protexer a saúde pública, o consistorio instalou carteis informativos en cada unha das fontes afectadas, nos que se advirte que a auga non está tratada nin garantida para o consumo humano.
Desde o Concello aclaran que se levan a cabo analíticas periódicas de control nestas fontes sen conexión á rede, co obxectivo de comprobar o estado da auga. Non obstante, a entrada en vigor da nova normativa obriga a informar expresamente aos usuarios sobre a ausencia de tratamento desinfectante, independentemente dos resultados destas analíticas.
Con esta medida, o Concello de Baiona busca previr posibles riscos sanitarios e garantir a transparencia na información ofrecida á cidadanía e aos visitantes que utilizan estas fontes naturais.