Gondomar

O Club Patinaxe Artística Gondomar coróase campión de Europa co seu cuarteto show júnior en Zaragoza

O nome de Gondomar resoa esta fin de semana en toda Europa grazas a unha fazaña histórica: o Club de Patinaxe Artística Gondomar proclamouse campión de Europa na categoría Cuarteto Show Júnior, elevando o patinaxe galego ao máis alto do podio continental.

Foi no Pavillón Príncipe Felipe de Zaragoza, durante o Campionato Europeo de Patinaxe Artística de Grupos Show, onde as patinadoras e patinadores gondomareños deixaron abraiado ao público cunha coreografía chea de emoción, forza e precisión, conquistando ao xurado coa súa posta en escena e alcanzando a mellor puntuación da competición.

Este triunfo non só consolida a traxectoria do club, senón que mellora o subcampionato europeo logrado na pasada edición, demostrando que a perseveranza e o traballo constante dan froitos. O espectáculo titulado Diversi serviu para expresar unha mensaxe poderosa sobre a diversidade, transmitida a través dunha execución impecable sobre rodas.

A vitoria é resultado dun traballo coral: o talento dos e das deportistas, a dirección técnica, o esforzo das familias e o apoio social que o club recibe en Gondomar. Todo un pobo vibrou con esta medalla de ouro que confirma que a paixón e a dedicación tamén son ingredientes olímpicos.

O Concello de Gondomar, a través do seu alcalde Paco Ferreira e da concelleira de Deportes Nuria Lamela, fixo chegar os seus parabéns oficiais ao equipo, destacando o seu exemplo de superación, traballo en equipo e compromiso deportivo.