Nigran

O centro Juan María Empleo de Nigrán recibe apoio da Deputación para impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade

A institución provincial destina preto de 70.000 € ao programa +Emprega, que beneficia a oito centros especiais de emprego, entre eles o de Nigrán.

O centro especial de emprego Juan María Empleo SL, con sede en Nigrán, é un dos beneficiarios das axudas do programa +Emprega da Deputación de Pontevedra, que este ano incrementa nun 22% o seu orzamento ata acadar preto de 70.000 euros destinados á contratación de persoal e á mellora da inserción laboral de persoas con discapacidade.

O presidente provincial, Luis López, destacou que o obxectivo desta iniciativa é “facilitar a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade, que adoitan ter máis dificultades e índices máis elevados de desemprego”.

Grazas a estas achegas, o centro Juan María Empleo poderá financiar custos salariais de unidades de apoio e postos de dirección ou coordinación, reforzando así o traballo que desenvolve a diario na formación e integración sociolaboral de persoas con discapacidade.

O programa +Emprega, promovido pola Deputación, abrangue tamén centros doutros concellos da provincia como A Guarda, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa, dentro da aposta da institución por un modelo laboral inclusivo e igualitario.