O Celta Baloncesto Feminino rexeita as condutas violentas nun partido de categorías base en Vigo.
O club Celta Baloncesto Feminino emitiu un comunicado oficial no que manifesta a súa “absoluta contrariedade e rexeitamento” ás condutas protagonizadas por parte do público durante un encontro de categorías base celebrado en Vigo a pasada fin de semana, no que competía un dos seus equipos. O partido rematou suspendido polo comportamento dalgúns asistentes.
A entidade olívica lembra que entende o deporte como unha escola de valores e que o seu proxecto baséase na deportividade, a convivencia e o respecto, tanto para as xogadoras como para as súas familias. Afirman que rexeitarán sempre calquera manifestación de violencia no deporte e que adoptarán as medidas internas necesarias para erradicar actitudes que comprometan o espírito deportivo.
Desde a directiva aseguran que seguirán traballando para que o baloncesto e o deporte en xeral sexan espazos seguros, con contornas de respecto e bo trato para todas as persoas participantes.