O CEIP Plurilingüe Chano Piñeiro de Gondomar acollerá as xornadas “O oficio de producir” para divulgar o sector audiovisual galego
O alumnado do CEIP Plurilingüe Chano Piñeiro de Gondomar participará nas próximas semanas nas xornadas educativas “O oficio de producir”, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) co obxectivo de achegar ao estudantado a realidade e o funcionamento do sector audiovisual galego.
A actividade contará coa participación de Gael Herrera, produtora executiva en Tamboura Films, quen explicará o proceso de creación e produción audiovisual a través de exemplos reais de longametraxes, curtas e documentais feitos en Galicia.
Segundo explicou o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, estas xornadas pretenden mostrar “como o audiovisual pode ser unha ferramenta útil para transmitir valores, a historia, a xeografía e mesmo a lingua galega”. Cubela destacou ademais que “o audiovisual galego é un universo en expansión, recoñecido internacionalmente tanto pola súa calidade como pola súa capacidade creativa”.
Na presentación provincial das xornadas, celebrada este martes no Pazo provincial, acudiu en representación do Concello de Gondomar a concelleira de Cultura, Nuria Lameiro, quen valorou moi positivamente a inclusión do CEIP Chano Piñeiro neste programa e o impulso que supón para achegar o audiovisual á comunidade educativa local.
A iniciativa chegará tamén a centros educativos de A Guarda, Meaño, Mondariz-Balneario, Poio e O Porriño, coa participación de sete profesionais do sector. Forma parte da aposta da Deputación polo impulso do audiovisual galego, a través de programas como Rías Baixas Acción, os Premios María Luz Morales ou o Ciclo Mestre Mateo, entre outros.
