O Camiño Portugués pola Costa convértese na ruta máis transitada da provincia de Pontevedra e a segunda de Galicia
A vía xacobea que atravesa Baiona e Nigrán rexistra 9.664 peregrinos en outubro, superando por primeira vez ao Camiño Portugués tradicional
Baiona / Nigrán | 23 de outubro de 2025
O Camiño Portugués pola Costa, que percorre os concellos de Baiona e Nigrán, acaba de acadar un fito histórico ao situarse como a ruta xacobea máis transitada da provincia de Pontevedra e a segunda de Galicia, só por detrás do Camiño Francés.
Segundo os datos do Observatorio de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, ata o mes de outubro percorreron esta ruta 9.664 peregrinos, superando por primeira vez ao Camiño Portugués tradicional, que rexistrou 9.448 camiñantes. Completan a lista provincial a Vía da Prata, con 800 peregrinos, e o Camiño de Inverno, con algo máis de 300.
A consolidación do itinerario costeiro, recoñecido oficialmente hai pouco máis dunha década, confirma a súa importancia como porta de entrada principal a Galicia desde o sur e como símbolo da expansión internacional do turismo espiritual e cultural.
O 78% das persoas peregrinas son estranxeiras, procedentes maioritariamente dos Estados Unidos, Portugal e Alemaña, o que reforza a tendencia de internacionalización que está a vivir o destino Rías Baixas neste 2025.
En conxunto, a provincia de Pontevedra concentrou en setembro o 34% dos visitantes que chegaron a Galicia, cun incremento do 10% no número de turistas estranxeiros respecto ao mesmo mes do 2024. A ocupación hoteleira media situouse no 50%, o que amosa a boa marcha do sector tamén fóra da tempada alta.
