O Borralliño repite triunfo no Entroido de Nigrán
Nigrán celebrou este venres, 20 de febreiro, a partir das 21.00 horas, o seu concurso de comparsas do Entroido cun gran éxito de público, enchendo as rúas de ambiente festivo e consolidando a cita como unha das máis destacadas da comarca.
Un total de doce comparsas procedentes de Vigo, Gondomar, Mos, Salceda de Caselas, Nigrán e Tomiño competiron nesta edición, amosando creatividade, cor e posta en escena sobre o escenario.
O primeiro premio foi para a agrupación O Borralliño, de Soutelo (Salceda de Caselas), coa súa proposta «Máis ala do corpo», repetindo así o galardón acadado o pasado ano. O segundo premio recaeu en Luces de Tomiño con «Entre a lúa e o lume: lendas vivas de Galicia», mentres que o terceiro posto foi para «O Virus do Entroido», da parroquia de Parada, en Nigrán.
A noite confirmou o tirón do Entroido de Nigrán, que volveu reunir a centos de persoas nunha celebración marcada pola música, o humor e a tradición.
