Gondomar

O BNG pide incluir o saneamento das antigas vivendas sociais na reforma da Avenida do Conde

O BNG de Gondomar instou ao goberno local de Paco Ferreira a que a reforma da Avenida do Conde inclúa a conexión á rede municipal de saneamento dos tres bloques das antigas vivendas sociais situadas nos números 9, 11 e 13, ademais do adecentamento do aparcadoiro contiguo.

Segundo explicou a portavoz municipal, Manuela Rodríguez, o proxecto presentado polo Concello ao Plan de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra contempla un investimento de 553.297,55 € para a reordenación do tráfico e do espazo público, máis 93.065,14 € para a reforma do cruce coa rúa Emigrante, sen ter en conta estas necesidades básicas:

“Xa que decide gastar nada menos que 650.000 euros en ‘humanizar’ un espazo de escasos 300 metros, non estaría de máis que lle dera un trato humano ás veciñas e veciños deses edificios proporcionándolles unha mellor calidade de vida”, criticou Rodríguez.

As nacionalistas lembran que no seu día xa criticaron o modelo de “humanizacións” por consideralo un gasto superfluo, e subliñan que agora a súa aposta é incrementar o investimento en saneamento e servizos básicos fronte a actuacións meramente estéticas.

Un problema sen resolver desde hai tres décadas

As vivendas, que inicialmente ían ser de iniciativa privada, acabaron convertidas en sociais, pasando de 9 a 27. Todas comparten un único colector de augas residuais, de sección insuficiente, que discorre polos baixos dos edificios. Isto provoca problemas de evacuación, risco de colapso e mesmo saída de augas fecais nas vivendas máis baixas.

Rodríguez cualifica de “lamentable” que esta deficiencia continúe sen solución máis de 30 anos despois da súa construción.

O “leira-aparcadoiro”

O BNG tamén reclama melloras no aparcadoiro situado entre a rúa Ánimas e a Avenida do Conde, que sofre embalsamento de auga cando chove e poeira abafante no tempo seco. Segundo as nacionalistas, o Concello non tomou medidas nos cinco anos de uso desta parcela.

Por todo iso, o grupo municipal solicita introducir as modificacións necesarias nos proxectos para que a reforma da Avenida do Conde non sexa só estética, senón que resolva problemas estruturais e mellore realmente a calidade de vida dos veciños afectados.