BaionaGondomarNigran

O BNG esixe a convocatoria do pleno da Mancomunidade do Val Miñor e critica o “desleixo” de PP e PSOE

O Bloque Nacionalista Galego dos tres concellos do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) volve denunciar o que cualifica como “continuado desleixo” do PP e do PSOE coa Mancomunidade do Val Miñor. Os voceiros nacionalistas acusan os sucesivos presidentes da entidade —Sito Almuíña (Baiona), Paco Ferreira (Gondomar) e o actual, Juan González (Nigrán)— de exercer o cargo “de xeito rutineiro, sen vontade política nin impulso real” para revitalizar este organismo supramunicipal.

Iago Pereira (Baiona) e Manuela Rodríguez (Gondomar), representantes do BNG na Mancomunidade, critican que “o desinterese das presidencias tanto do PSOE como do PP está a prexudicar gravemente os xa escasos servizos mancomunados”, entre os que destacan a piscina comarcal ou o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

Como exemplo, lembran que os acordos adoptados hai xa un ano por iniciativa do BNG —encamiñados a mellorar as condicións laborais e as instalacións do servizo de emerxencias— “aínda non foron executados”. Esta situación, afirman, “só contribúe a afondar na precariedade e no deterioro dun servizo esencial para a comarca”.

Ademais, os nacionalistas denuncian que o pleno trimestral da Mancomunidade, que debería terse celebrado o pasado 12 de marzo, foi cancelado sen explicación, e reclaman a súa convocatoria inmediata. “Non se pode permitir que o desinterese dos alcaldes bloquee o funcionamento democrático da entidade e nos impida exercer a nosa función de fiscalización e presentar propostas en beneficio da veciñanza do Val Miñor”, conclúen.