O BNG de Nigrán informa da paralización da licitación do contrato de recollida de residuos e limpeza viaria tras o rexeitamento da Mesa de Contratación ao informe dunha consultora externa
A Mesa detecta falta de motivación suficiente na valoración das ofertas e un posible tratamento preferente cara a unha das empresas licitadoras, segundo o comunicado do Bloque Nacionalista Galego
O Bloque Nacionalista Galego de Nigrán informou da paralización do procedemento de licitación do novo contrato do servizo de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias, logo de que a Mesa de Contratación, composta por técnicos do Concello e da Deputación de Pontevedra, rexeitase o informe de valoración das ofertas elaborado pola consultora externa Into Consulting, encargada de asesorar ao órgano de contratación.
Segundo explica o BNG, a Mesa considera que non existe motivación suficiente que xustifique a puntuación outorgada a unha das ofertas, especialmente pola distancia desproporcionada respecto das demais propostas. O órgano sinala tamén un trato preferente cara á oferta mellor puntuada, con descricións e cualificativos eloxiosos non aplicados a outras propostas que presentan prestacións equivalentes.
Entre as observacións recollidas, a Mesa subliña que o informe contén afirmacións que non se axustan á realidade, como o suposto incremento do número de colectores —que, segundo o BNG, non supón unha mellora real, senón a simple reprodución do previsto no prego—, ou a valorización desigual do sistema de peche electrónico dos colectores de materia orgánica, positivo só cando o propón a UTE Geseco-Copasa-Oresa.
O Bloque lembra ademais que a mesma consultora redactou o Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, un encargo realizado sen concurso público, e que fixou en 33 millóns de euros o orzamento do contrato por dez anos, o máis elevado da historia do municipio.
O comunicado do grupo nacionalista engade que os técnicos municipais advertiran previamente do exceso de frecuencias de recollida incluídas no prego, cualificándoas de desproporcionadas e pouco eficientes, por supor un gasto innecesario para o Concello. Agora, a Mesa tería detectado que a oferta mellor valorada podería incumprir o prego, ao propoñer frecuencias inferiores ás mínimas esixidas, circunstancia que a consultora valorou como “excelente”.
Coas incidencias detectadas, a licitación queda suspendida temporalmente ata que se revisen os informes e se garanta a obxectividade e transparencia do proceso.
