O BNG de Gondomar presenta emendas aos orzamentos da Xunta para 2026 por 6,5 millóns de euros
O Bloque Nacionalista Galego presentou trece emendas parciais ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2026 que, de seren aprobadas, suporían un investimento total de 6,5 millóns de euros no concello de Gondomar. As propostas céntranse no reforzo dos servizos públicos, a vivenda, o medio ambiente e a mellora da mobilidade e das infraestruturas.
Segundo a voceira nacionalista, Manuela Rodríguez, “a metade das emendas están ligadas a ámbitos esenciais como o ensino, a sanidade e os servizos sociais, infrafinanciados polo goberno galego”. En servizos públicos, o BNG propón 850.000 euros para melloras en colexios e IES, a creación dun comedor no CRA Antía Cal, a construción dun centro de día público, a ampliación de prazas na Galiña Azul e máis fondos para o CIM.
En vivenda, reclámase un investimento de 2 M€ para iniciar un plan de vivenda pública con alugueiros de baixo custo. En infraestruturas e mobilidade, 1,4 M€ para sendas peonís nas estradas PO-341 e PO-331 e a conversión en travesía urbana en Vincios. En medio ambiente, 2,25 M€ para ampliar a depuradora, mellorar o saneamento e actuar contra as enchentes.
O BNG tamén presentou emendas comúns para o Val Miñor por 4 M€ e advirte do veto habitual do PP no Parlamento galego.
