Gondomar

O BNG de Gondomar pide explicacións ao goberno local pola falta de actuación ante os vertidos ilegais no polígono da Pasaxe

O BNG de Gondomar solicitou ao goberno municipal información e explicacións sobre os vertidos ilegais denunciados pola Plataforma de Afectados do Polígono A Garrida–A Pasaxe, así como polo presunto incumprimento dunha sentenza xudicial que obriga ao Concello a tramitar e resolver o expediente de reposición da legalidade urbanística nesa zona.

Segundo explica a organización nacionalista, a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Vigo, datada en febreiro deste ano, recoñece que o Concello debeu actuar fronte ás denuncias veciñais por depósitos de residuos, modificacións na rasante e actividades industriais sen licenza municipal nin autorización ambiental.

A voceira do BNG, Manuela Rodríguez, acusou ao executivo de Paco Ferreira de actuar con “neglixencia e opacidade”, e asegurou que o seu grupo “non vai permitir que se siga agochando a realidade nin que se poña en risco a saúde pública e o medio ambiente”.

Rodríguez insistiu en que a resolución xudicial é “clara” e recolle que o Concello incumpriu as súas obrigas, permitindo unha situación de irregularidade “prolongada no tempo”. Por iso, o BNG esixe ao goberno local que repoña de inmediato a legalidade urbanística e ambiental, e que dea explicacións públicas tanto sobre o sucedido como sobre as medidas adoptadas para corrixir a situación.

Ademais, o Bloque anunciou que reclamará unha inspección ambiental exhaustiva para determinar a natureza dos materiais depositados e a posible existencia de contaminación, así como a depuración de responsabilidades no caso de confirmarse irregularidades.