O BNG aposta por reforzar a Mancomunidade do Val de Miñor como motor de cooperación local
O Bloque Nacionalista Galego amosou o seu apoio á continuidade de Gondomar dentro da Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor, ante a posibilidade de que o municipio abandone o ente.
Os portavoces nacionalistas de Baiona, Gondomar e Nigrán —Iago Pereira, Manuela Rodríguez e Xavier Rodríguez— subliñaron a importancia de manter a colaboración entre os tres concellos, ao tempo que apostan por modernizar e revitalizar a Mancomunidade con novos servizos, proxectos e actividades mancomunadas que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza.
A voceira do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, expresou a súa preocupación polas consecuencias que podería ter unha saída da Mancomunidade, en cuestións como a cobertura do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), o acceso á piscina da Ramallosa ou ás prazas públicas do centro de día comarcal.
Desde o BNG consideran que a Mancomunidade continúa a ser unha ferramenta útil e con potencial para optimizar recursos, mellorar servizos e fortalecer a cooperación institucional no Val Miñor. “O que cómpre é mellorar o funcionamento interno e garantir un financiamento adecuado, non dar pasos atrás na colaboración”, apuntan.
O Bloque tamén lembra que o modelo dos GES precisa dunha revisión global a nivel galego para garantir estabilidade laboral, financiamento suficiente e medios adecuados. Nese sentido, propoñen impulsar un novo modelo galego de emerxencias, plenamente público e profesionalizado, coordinado desde a Xunta de Galicia.
