BaionaGondomarNigran

O BNG acusa ao PP de bloquear investimentos clave e marxinar o Val de Miñor nos Orzamentos da Xunta para 2026

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Partido Popular volve actuar contra os intereses da veciñanza do Val de Miñor tras rexeitar a totalidade das trinta emendas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta para 2026. Segundo os portavoces municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán, Manuela Rodríguez, Iago Pereira e Xavier Rodríguez, a maioría absoluta do PP no Parlamento galego, “co silencio cómplice do PP dos tres concellos”, impedirá investimentos por valor de preto de 21 millóns de euros no conxunto da comarca.

A deputada do BNG Carmela González afirma que esta decisión “priva á veciñanza do Val de Miñor dun incremento imprescindible para corrixir a marxinación que as contas de Rueda supoñen tanto para os tres concellos no seu conxunto como para cada un por separado”.

As emendas nacionalistas centrábanse no reforzo dos servizos públicos, a reactivación económica, a vivenda, o medio ambiente e a mobilidade. Incluían propostas en sanidade, como o reforzo da atención á saúde mental; servizos sociais, coa creación dunha residencia de maiores e un Punto de Encontro Familiar; ensino e deporte, coa implantación do bacharelato de artes e novas infraestruturas deportivas; así como actuacións ambientais na Foz do Miñor.

O BNG lamenta que, “un ano máis, o PP vote contra o Val de Miñor”, bloqueando investimentos que mellorarían a calidade de vida da veciñanza e favorecerían a creación de emprego.