O baionés Miguel Martínez, triple campión de España de culturismo
O baionés Miguel Martínez fixo historia no Campionato de España de Culturismo ao proclamarse triple campión nacional, logrando os títulos de True Novice Classic Physique Talla B, Classic Physique Talla B e Culturismo Middleweight.
O deportista impúxose en tres categorías de altísimo nivel, demostrando unha preparación impecable e unha combinación perfecta de forza, simetría e control escénico. O seu triunfo sitúao entre os mellores culturistas do país e confirma o excelente momento que atravesa tras meses de adestramento e disciplina.
Desde o Concello de Baiona trasladáronse as felicitacións oficiais ao campión, destacando “o seu esforzo, disciplina e paixón como exemplo para toda a mocidade baionesa”. O consistorio valora, ademais, renderlle un recoñecemento público por levar o nome de Baiona ao máis alto do culturismo español.
Miguel Martínez mantén unha rutina diaria de adestramento físico e control nutricional que exemplifica o valor do traballo constante e da superación persoal. O seu éxito é tamén o dun deportista que, con humildade e entrega, conseguiu facer realidade un soño que enche de orgullo a toda a vila.
