O artesán tornero de Tomiño, Aitor Martínez López, premiado nos xviii premios nacionais de artesanía 2025
O torneiro Aitor Martínez López, natural de Arbina (Tomiño), logrou hoxe en Madrid o Premio Produto nos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025 pola súa colección Mundos, recoñecida polo xurado pola súa “gran sensibilidade técnica e potente visión conceptual”. A súa obra, realizada con madeira sostible e trazabilidade certificada mediante a ferramenta Fortra, destaca polo valor do produto local e o aproveitamento responsable dos recursos do territorio.
Martínez xa contaba con recoñecementos previos, como o Premio Xoven Promesa do Círculo Fortuny 2024 e a condición de finalista nos Premios Artesanía de Galicia e Premio Produto. Co galardón de hoxe, o artesán consolida a súa traxectoria e pon de manifesto a calidade da madeira e o talento artesanal de Tomiño.
Na mesma cerimonia, a Fundación Artesanía de Galicia recibiu o Premio Promociona polo proxecto Artesanía no Prato, que fusiona gastronomía e artesanía para dar valor engadido aos produtos galegos, mentres que a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega en Santiago de Compostela, quedou finalista no Premio Emprendemento.
Os Premios Nacionais de Artesanía teñen como obxectivo fomentar a competitividade das pequenas e medianas empresas artesás, promover a innovación e recoñecer o labor de persoas e entidades que impulsan o sector artesanal en España.
