O alumnado dos colexios públicos de Nigrán recupera os alcumes tradicionais en obradoiros de ‘lettering’ impartidos por Papelier
O Concello de Nigrán impulsa unha iniciativa pioneira para recuperar os alcumes tradicionais das parroquias do municipio a través da participación do alumnado de 6º de Primaria dos cinco colexios públicos. Desde comezos de mes, os estudantes asisten a obradoiros de lettering impartidos polos deseñadores gráficos Noelia Muíños e Ramón Quintas, do estudio Papelier, contratados polo Concello.
Antes das sesións prácticas, as crianzas realizaron un traballo de campo nos seus barrios para recompilar os alcumes máis característicos das súas familias e veciñanza. Así, no CEIP da Cruz (Camos) xurdiron nomes tan singulares como O chosco, As micaelas, Grilo, Balín ou Serín, algúns deles con historias sorprendentes. “Chamábanlle O chosco porque guiñaba moito o ollo ás rapazas, non porque o fose de verdade”, explicaba divertida unha alumna.
Co material recompilado, o Concello editará un libro ilustrado por parroquias, un póster e un calendario, coa intención de preservar este patrimonio oral e sentimental antes de que se perda entre as novas xeracións debido aos cambios nos modos de vida.
O alcalde Juan González, tamén historiador, subliña que “non se trata de crear novos alcumes nin de rescatar aqueles que ridiculizaban, senón de recuperar os tradicionais, que conteñen unha enorme riqueza antropolóxica, lingüística e mesmo histórica”.
O rexedor destacou ademais o carácter multidisciplinar e participativo do proxecto: “Combinamos a recompilación, interpretación e difusión dos alcumes cunha metodoloxía creativa e interxeracional. Ao implicar directamente aos nenos e nenas, estamos garantindo a transmisión oral e sementando o interese pola historia familiar e polo barrio, fortalecendo ese sentimento de pertenza comunitaria que sempre fomentamos desde o Concello”.
