Nigran

O alumnado do IES Escolas Proval participará nun trivial sobre educación sexual

Este mércores 26 de marzo, a Deputación de Pontevedra levará a Nigrán unha nova acción formativa dentro do programa provincial Ateneo pola Igualdade. O alumnado do IES Escolas Proval participará nun obradoiro titulado “Canto sabes de educación sexual?”, no que, a través dunha dinámica tipo trivial, reflexionarán sobre os estereotipos, os roles de xénero e a diversidade afectivo-sexual.

O obxectivo desta iniciativa é fortalecer o pensamento crítico e promover relacións afectivo-sexuais baseadas no consentimento e no respecto mutuo. O trivial incluirá preguntas sobre mitos da sexualidade, boas prácticas nas redes sociais e a influencia dos padróns sexistas.

Este obradoiro forma parte da programación do Ateneo pola Igualdade, un proxecto da Deputación que busca converterse en referente na promoción da igualdade de oportunidades mediante actividades de investigación, formación, sensibilización e difusión. A acción está enmarcada dentro da campaña “Malabares ata cando?”, que pon o foco na corresponsabilidade e na necesidade de que as mulleres non teñan que sacrificar as súas carreiras ou o seu tempo persoal polos coidados. Durante este mes, a Deputación está a desenvolver preto dunha vintena de actividades, como exposicións, foros de debate, concursos escolares e obradoiros formativos.