Nigran

O alumnado do CEE de Panxón busca un viñedo en Nigrán para elaborar o seu primeiro viño artesanal

O alumnado do CEE de Panxón quere dar un paso máis na súa formación agraria e gastronómica mediante a procura dun viñedo en Nigrán. A iniciativa xorde dos propios estudantes e integra os programas “Mestres Gandeiros” e “Cultivar para consumir”, co obxectivo de aprender de primeira man todo o ciclo de coidado da vide e a elaboración artesanal do viño.

Dende o equipo docente destacan o valor pedagóxico do proxecto: permite traballar aspectos de bioloxía, química, historia e economía local. A actividade insírese no Plan Proxecta “Mestres Gandeiros”, impulsado pola Consellería de Educación, e reforza o proxecto interno “Cultivar para consumir”, no que o alumnado xestiona horta e granxa, transformando os produtos na aula de cociña e servíndoos no restaurante temático “Toleamos sen +”.

O centro fai un chamamento á veciñanza de Nigrán para a cesión dun viñedo en desuso que poida recuperarse para a produción de uva. Con esta colaboración, os estudantes non só aprenderían un oficio tradicional, senón que tamén contribuirían a manter vivo o patrimonio agrario da zona.