O alcalde de Nigrán reorganiza o goberno tras a renuncia da edil de deportes Sara Penedo
A concelleira de Deportes de Nigrán, Sara Penedo, deixará oficialmente o seu cargo no pleno do 28 de outubro por motivos persoais. O alcalde, Juan González, anunciou unha reorganización do goberno local pola súa marcha. Roberto Garrido, ata agora edil de Cultura e Desenvolvemento Sostible, asumirá Deportes, mentres que o propio rexedor engadirá Cultura ás súas competencias.
A renuncia de Penedo permitirá o regreso á corporación de Ladislao Alonso ‘Fino’, número 12 da lista socialista e concelleiro no mandato 2019-2023, que asumirá Participación Cidadá, Relacións Veciñais e Medio Rural, áreas que xa xestionara no pasado. “Fino xa ten experiencia nestes eidos e quitará carga de traballo ás súas compañeiras en pro dun mellor reparto”, explicou o alcalde.
Juan González quixo agradecer publicamente o labor de Penedo, veciña de Panxón, de 29 anos e licenciada en Ciencias do Deporte. “Estamos moi agradecidos co traballo desenvolvido por Sara, a nosa benxamina, quen sempre amosou un talante exemplar. A botaremos moito de menos”, destacou o rexedor, lembrando que é neta de Alfonso Vázquez, concelleiro responsable de Sanidade, Abastos, Mercados e Turismo Social.
Penedo deixa unha área “en pleno funcionamento”, con proxectos como o surftrack de Patos, o pump-track en construción en Nigrán, o trail feminino ‘Asaltamontes’ en Monteferro e o espazo deportivo inclusivo de Porto do Molle. “Roberto Garrido, atleta vocacional, só terá que continuar o que xa está en marcha”, engadiu González.
O resto do goberno local manterase sen cambios:
• Rubén Rial, primeiro tenente de alcalde, continuará con Vías e Obras, Servizos Urbanos, Seguridade e Contratación.
• Diego García, segundo tenente de alcalde, manterá Urbanismo, Medio Ambiente, Recursos Humanos, Vivenda e Xestión Municipal.
• Estela Pérez, con Educación, Emprego e Accesibilidade.
• María Mayán, con Terceira Idade.
• Patricia Diego, con Igualdade e Voluntariado.
• Alfonso Vázquez, con Sanidade, Abastos, Mercados e Turismo Social.
