O 20 de setembro Baiona acollerá a edición 2025 do Plan +Convivir
Baiona converterase o sábado 20 de setembro nun punto de encontro para veciños e veciñas de todas as idades coa celebración dunha nova edición do programa +Convivir 2025, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Baiona.
O evento terá lugar no pavillón municipal de deportes, en horario de 16:30 a 20:30 horas, e pecharase cun viño galego acompañado dunha actuación musical.
Programa de actividades
A xornada deseñouse para fomentar a convivencia interxeracional, creando un espazo común de aprendizaxe e lecer. Entre as propostas destacan:
- Unha charla sobre primeiros auxilios e nutrición.
- Unha dinámica de risoterapia, pensada para estimular o humor e o benestar emocional.
- Unha sesión práctica de bailes de salón, coa que se poñerá o broche final ás actividades.
Un espazo para unir xeracións
Desde o Concello de Baiona anímase a toda a veciñanza a participar neste encontro, que busca “conectar ás diferentes franxas de idade para que poidan relacionarse e compartir experiencias baixo un mesmo teito”.
A Deputación de Pontevedra decidiu renovar o programa tras a excelente acollida rexistrada en 2024, cando os eventos +Convivir reuniron centos de persoas en distintas localidades da provincia.
