Nigran

Nigrán visibiliza o selo ‘Ciudad Amiga de la Infancia’ outorgado por UNICEF o ano pasado.

As crianzas da ‘Xeración Xa!’ escolleron a ubicación do novo tótem identificativo fronte ao Concello

O Concello de Nigrán conta xa cun tótem identificativo que visibiliza o selo de Ciudad Amiga de la Infancia, outorgado por UNICEF España a finais do ano pasado. A sinaléctica, obrigatoria para todos os municipios adheridos á iniciativa, foi inaugurada este domingo polas crianzas do órgano municipal de participación infantil e xuvenil, coñecido como Xeración Xa!, xunto ao alcalde Juan González, a concelleira de Educación, Estela Pérez, e a delegada de UNICEF en Pontevedra, Teresa Egerique.

O lugar escollido para a súa colocación foi a entrada principal da Casa Consistorial, decisión tomada polas propias crianzas, que participaron activamente neste proceso. O distintivo ten vixencia ata o ano 2025 e recoñece o compromiso real e medible do Concello coa participación infantil e co benestar dos nenos, nenas e adolescentes.

“É un orgullo poder amosar este distintivo a toda a cidadanía. O selo non se consegue nun día, traballamos intensamente durante catro anos para cumprir todos os requerimentos esixidos, e así seguiremos para renovalo sempre”, asegurou o alcalde Juan González, quen destacou a dureza do proceso de avaliación que acompaña esta distinción.

A iniciativa Ciudades Amigas de la Infancia, liderada por UNICEF España dende o ano 2002, ten como obxectivo garantir que os dereitos da infancia sexan unha prioridade nas políticas locais. Esta iniciativa conta co apoio do Ministerio de Mocidade e Infancia, a Federación Española de Municipios e Provincias e o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia.