Nigrán suspende todas as procesións de Semana Santa pola mala climatoloxía.
As parroquias de Camos, Panxón, San Pedro e Parada víronse obrigadas a suspender as súas tradicionais procesións, entre elas a do Desencravo, debido á persistencia do mal tempo.
A medida afecta a actos tan emblemáticos como a Procesión do Desencravo, celebrada con fonda devoción en parroquias como Camos, onde veciños e veciñas representan o momento do descenso de Cristo da cruz cunha posta en escena que reúne centos de persoas cada ano.
A procesión de Panxón, outra das máis multitudinarias da comarca, tamén queda suspendida, ao igual que as previstas en San Pedro da Ramallosa e Parada, onde se mesturan fe e tradición.
Aínda así, os actos litúrxicos manteranse nos templos, adaptando a programación ao interior das igrexas. Dende as parroquias explican que se celebrarán as misas, via crucis e oficios previstos, aínda que sen os desfiles procesionais no exterior.
“É unha mágoa, levamos semanas preparando todo con moito esforzo, pero entendemos que é o máis prudente”, sinala unha integrante da organización da procesión de Camos. Tamén dende Panxón confirman que se manterá a celebración do Venres Santo e a vixilia pascual, con boa parte da comunidade participando no templo.