Nigran

Nigrán revoluciona o surf-skate cunha pista en anel única en Europa

A infraestrutura, solicitada pola Asociación de Escolas de Surf de Patos, é a primeira do continente en forma de anel pechado e permitirá un uso continuo.

Nigrán, 17 de outubro de 2025.– O Concello de Nigrán presentou durante o Campionato Europeo de Surf Adaptado, que se celebra esta semana na praia de Patos, unha pista de surf-skate pioneira en Europa. A infraestrutura, situada ao carón da Residencia de Tempo Libre, destaca polo seu deseño en forma de anel pechado, cun tramo recto e outro de curvas, o que permite un circuito sen principio nin fin, ideal para un adestramento continuo.

O proxecto, xa na súa fase final de execución, conta cun investimento municipal de 44.356 euros con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. Ademais, o Concello anunciou a próxima construción dun pumptrack no Salgueiral, no centro do municipio, destinado á práctica de BMX, cun orzamento de 75.400 euros.

“Foi solicitada pola Asociación de Escolas de Surf de Patos para complementar a formación do seu alumnado, especialmente nos días nos que non é recomendable meterse no mar. Por iso a súa ubicación natural é esta. Estamos moi orgullosos de que os participantes no Campionato Europeo de Surf Adaptado sexan os primeiros en coñecela”, destacou o alcalde Juan González.

A pista foi deseñada e construída pola empresa Overlay Projets, con sede en Sabarís (Baiona), especializada en pumptracks e con proxectos en toda España e Portugal. Desde a compañía subliñan que “non existe nada parecido en Europa”, xa que o deseño responde especificamente ás necesidades técnicas do surf-skate.

A infraestrutura ocupa unha superficie total de 366 metros cadrados, con curvas de ata 7 metros de radio, e combina zonas accesibles para todos os niveis con obstáculos para deportistas avanzados. O surf-skate, que reproduce sobre o asfalto os movementos e sensacións do surf, é unha ferramenta clave para perfeccionar técnicas e adestrar en días sen condicións mariñas favorables.

“A ubicación non podía ser outra que Patos, a praia por excelencia do surf no sur de Galicia. Esta pista suporá un salto de calidade para surfistas e para quen desexe iniciarse neste deporte”, engadiu o rexedor, quen salientou tamén que “o fomento do deporte é unha aposta pola saúde física, mental e pola socialización”.

O alcalde lembrou, ademais, que o goberno local continuará apostando por infraestruturas deportivas innovadoras, como as zonas de calistenia de Panxón e A Ramallosa, adaptándose así ás novas tendencias e demandas sociais.