Nigrán rematará a humanización do casco histórico de Panxón coa reforma da rúa Mariñeiro
O Concello de Nigrán ten xa todo preparado para poñer en marcha a reforma integral da rúa Mariñeiro, último espazo que quedaba por mellorar no corazón de Panxón. A intervención, que supón un investimento de 462.989 euros financiados polo Plan + Provincia 2024 da Deputación, foi adxudicada á empresa Construcciones Castro Figueiro e terá un prazo de execución de dous meses.
O tramo afectado, duns 150 metros entre a rúa Jesús Espinosa e a entrada ao porto pesqueiro, permanecerá pechado á circulación. Durante ese tempo, o tráfico procedente de Patos desviarase polo Paseo Marítimo ata a rúa Cidade de Vigo.
Segundo explicou o alcalde, Juan González, esta obra dará continuidade ás actuacións iniciadas en 2018 arredor do Templo Votivo, e permitirá que calquera persoa poida desprazarse desde o centro de Nigrán ata a praia mediante beirarrúas accesibles. “É un paso decisivo para ter un Panxón á altura do seu valor paisaxístico e histórico”, sinalou.
O proxecto contempla beirarrúas máis anchas en granito, nova iluminación LED con farois de deseño singular que incluirán o nome da rúa, así como bancos de pedra, papeleiras e pasos de peóns con luz reforzada. Para o rexedor, “o resultado final responderá a unha demanda histórica de veciños, comerciantes e da Asociación Monteferro, que levan anos pedindo unha mellora integral da zona”.
