Nigran

Nigrán reforza o seu compromiso coa saúde mental cunha achega de 10.000 € ao programa Acompaña

O Concello de Nigrán vén de renovar o seu apoio ao Programa Acompaña, impulsado pola asociación Avelaíña Saúde Mental, cunha achega de 10.000 euros. Trátase dunha iniciativa pioneira no Val Miñor que ofrece acompañamento individualizado a persoas con enfermidade mental grave, co obxectivo de favorecer a súa inclusión social e mellorar a súa calidade de vida.

O alcalde, Juan González, destacou a importancia de continuar colaborando con proxectos como este: “É imprescindible sumar esforzos para construír unha sociedade máis inclusiva e consciente das realidades que viven moitas persoas no seu día a día”.

O Programa Acompaña ofrece apoio personalizado en tarefas básicas da vida diaria como os autocuidados, a preparación de comidas, a xestión económica, a realización de trámites administrativos ou a asistencia nas compras cotiás. Todo iso cun enfoque centrado na autonomía e no fortalecemento das capacidades das persoas usuarias, en coordinación coas súas familias e os servizos públicos.

Desde Avelaíña subliñan que este tipo de colaboracións son esenciais para manter un servizo próximo, flexible e eficaz, que contribúe de xeito directo ao benestar emocional e social das persoas atendidas.