Nigrán reforza a súa brigada forestal con cinco bolseiros en prácticas.
O Concello de Nigrán continúa a consolidar a súa aposta pola prevención de incendios e a formación ambiental coa incorporación de cinco bolseiros á súa brigada forestal municipal, en funcionamento desde 2022. Trátase do único municipio da comarca que conta cun equipo forestal propio durante todo o ano.
Os novos integrantes, procedentes de ciclos formativos de xestión forestal e conservación do medio natural, desenvolverán prácticas ata o 31 de agosto grazas a un convenio de colaboración. Esta experiencia permitiralles adquirir coñecementos prácticos nun entorno real de traballo, ao tempo que contribúen ás tarefas do servizo municipal.
A súa primeira actividade foi unha xornada de reforestación no parque forestal Os Matos-Río Táboas, coincidindo coa celebración do Día da Árbore e na que tamén participou alumnado de secundaria.
A brigada, composta por unha capataz e catro brigadistas, leva a cabo labores fundamentais como a apertura de camiños forestais, a eliminación de biomasa, a limpeza de parcelas en risco e o mantemento das faixas de seguridade preto das vivendas. Ademais, encárgase da vixilancia e, no seu caso, da extinción de incendios en coordinación cos servizos de emerxencia.
Desde o goberno local destacan que esta iniciativa non só mellora a seguridade do municipio fronte ao lume, senón que tamén contribúe á formación de novos profesionais nun sector clave para o territorio.
