Nigran

Nigrán recoñece AGAELA, Cristina Fernández, A Queimada, Colegio Ángel de la Guarda e os irmáns Ferreiro nos Premios 2025

A Corporación de Nigrán acordou por unanimidade na Xunta de Portavoces do xoves 19 de febreiro os cinco galardoados cos Premios Nigrán 2025, cuxa gala se celebrará o 21 de marzo ás 20.00 horas no Auditorio Municipal.  A selección, feita de xeito transparente entre tódolos representantes políticos, foi realizada grazas ás propostas realizadas previamente. Esta decisión será ratificada oficialmente no pleno ordinario de febreiro que se celebrará o 3 de marzo.

Deste xeito, nesta 13 edición serán homenaxeados no eido  ‘Social’ AGAELA (Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica); no ‘Educativo’ o Colegio Ángel de la Guarda de Priegue; no Empresarial o restaurante e hotel ‘Queimada’ de Parada; no ‘Cultural os artistas nigraneses Ivan e Amaro Ferreiro e no deportivo a árbitro de balonmán Cristina Fernández, veciña tamén de Nigrán. O acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo á traxectoria dos premiados. «Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a por en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentírmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento», destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

PREMIO SOCIAL

AGAELA

AGAELA (Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica)  é unha entidade sen ánimo de lucro declarada no 2023 pola Xunta de Galicia de utilidade pública e que traballa co obxectivo de visibilizar a enfermidade e as necesidades dos enfermos; mellorar e manter a calidade de vida das familias con ELA mediante programas de atención socio-sanitaria; e fomentar e implementar a calidade asistencial e o acceso a recursos para todo o colectivo. A asociación atende a máis de 160 familias con ELA anualmente, número que se incrementa ano tras ano, e conta con 635 persoas socias.

Ata o pasado mes de xaneiro AGAELA contou na súa directiva con Susi Seoane como vicepresidenta, quen traballou durante 22 anos no Concello de Nigrán como Axente de Emprego e Desenvolvemento Local ata que no  2021 lle diagnosticaron a enfermidade, da que faleceu o pasado 28 de xaneiro. Durante eses anos Susi Seoane foi a cara visible da ELA en España envorcando toda a súa sabeduría e experiencia laboral na loita por unha lei nacional específica que conseguiu que se aprobase pero que sigue pendente de dotación orzamentaria, polo que na práctica non funciona. Seoane deixa neste Concello unha pegada indeleble pola súa excepcional meticulosidade, esmero e compromiso á hora de traballar e de vivir, sabemos que o seu exemplo vital servirá para sempre como alento das persoas que defenden as causas xustas.

PREMIO DEPORTIVO

Cristina Fernández

Cristina Fernández Piñeiro, nacida en Gondomar en 1963 e veciña en Nigrán desde hai décadas, foi a primeira muller en dirixir partidos da máxima categoría do balonmán español. Debutou en División de Honra en 1988 e en 1991 obtivo a categoría de árbitra internacional, ademais de converterse na primeira muller en dirixir partidos de competición europea. Na súa excepcional folla de servizo figuran, entre outros logros, seis finais da Copa do Rey, sendo tanxible o seu impacto no circuíto nacional. Foi galardoada como Mellor Parella Arbitral da liga ASOBAL 2004/2005 xunto ao seu compañeiro Pablo Permuy. Retirouse coa disputa da Supercopa ASOBAL en Salamanca no 2007. Na actualidade continúa traballando como delegada europea de arbitraxe da EHF tras superar o curso internacional en maio de 2019 en Budapest. Cristina Fernández é unha muller moi implicada na vida social e educativa de Nigrán, sendo moi coñecida pola veciñanza polo seu traballo como profesora do CEIP Humberto Juanes (foi a directora ata o curso pasado) e tendo sido candidata do BNG á alcaldía.

PREMIO EMPRESARIAL

A Queimada’

O actual restaurante e hotel ‘A Queimada’ da Carrasca (Parada) naceu o 11 de abril do ano 1973 da man de Luciano Comesaña e Isolina Valverde, pais de Rogelio, quen colleu as rendas do negocio en 1982  e llas pasou aos seus fillos Lorena e Adrián no 2023.  Inicialmente funcionou como un furancho, despachando só viño da casa e facéndose moi popular entre toda a veciñanza o seu cordeiro asado, feito que os levou a apostar pola ampliación da cantina como restaurante a inicios dos anos 80 (como fito destacable, no ano 1982 Rogelio adquiríu un televisor en cor para que a clientela puidese poder ver o Mundial de fútbol). Xa nos anos 90 engadiron o hostal, inicialmente con 12 habitacións, logo 17 e, na actualidade, de 27 e categoría de hotel de 2 estrelas. Foi máis adiante, no ano 2010, cando adquiriron no centro de Nigrán un antigo negocio de hostalaría para transformalo no moderno hotel de 3 estrelas e restaurante Val Convention e cafetería Coffee Land. En total, suman unha trintena de empregados. Desde o Concello de Nigrán destacan o papel da familia Comesaña no desenvolvemento turístico de Nigrán, funcionando ademáis como verdadeiro motor social e aglutinante do barrio da Carrasca e, agora tamén, do centro de Nigrán.

EDUCATIVO

Colegio Ángel de la Guarda

O Colegio Concertado Ángel de la Guarda naceu no ano 1967 en Priegue da man de María Luísa Valverde, quen fixo realidade o seu sono de ofrecer “unha experiencia educativa, innovadora e diferente, en plena natureza” (en referencia a súa situación no alto das Medoñas, rodeados de árbores e con vistas ás illas Cíes). No ano 1981 os seus 9 profesores formaron unha cooperativa para iniciar unha nova andaina caracterizada pola cercanía coas familias dos 54 estudantes que tiñan daquela. Na actualidade suman preto de 300 alumnos e a filosofía mantense igual: educación de calidade, compromiso do claustro, estilo familiar, contacto coa natureza, acompañamento no desenvolvemento da personalidade e, sobre todo, o alumnado como verdadeiro protagonista do proceso de aprendizaxe intelectual, humano, social e afectivo. O Colegio Ángel de la Guarda destaca polo seu compromiso co municipio, liderando múltiples iniciativas sociais e educativas e participando activamente en todas as propostas que desde o Concello se lles achega.

PREMIO CULTURAL

Ivan e Amaro Ferreiro

Os irmáns Iván e Amaro Ferreiro, veciños de Nigrán e auténticos embaixadores culturais do municipio, cumpriron no ano 2025 un total de 35 anos de carreira musical e 20 anos da creación conxunta dun dos grandes himnos da música indie en España, ‘Turnedó’, canción composta por Amaro e que ten como escenario Praia América-Lourido. Ivan Ferreiro foi líder indiscutible da histórica banda viguesa ‘Los Piratas’, un dos grupos máis influentes do pop-rock en España desde o seu nacemento en 1990 ata a súa disolución no 2004 (editaron cinco álbums de estudo, un deles disco de ouro, dous directos, tres recompilatorios e catro discos con temas como ‘Promesas que no valen nada’, ‘Te echaré de menos’ o ‘Fecha Caducada’). Tras desaparecer ‘Los Piratas’, os irmáns Ferreiro tocan xuntos habitualmente formando unha bicefalia, pero tamén manteñen a súa carreira en solitario, sendo músicos de referencia en todo o país e incluso entre as novas xeracións.