Nigrán recibirá 220.000 euros para rexenerar Praia América tras os temporais
O Concello de Nigrán recibirá 220.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para levar a cabo actuacións de rexeneración ambiental en Praia América tras os danos provocados polos temporais rexistrados a comezos de ano. A intervención forma parte dun paquete de obras de emerxencia por valor de 320.000 euros destinado a varios areais da provincia de Pontevedra.
O alcalde, Juan González, recibiu na mañá do venres ao director provincial de Costas, Miguel García, acompañado de dous técnicos, para comprobar in situ o estado da praia e consensuar as actuacións necesarias. As sucesivas borrascas provocaron importantes danos no sistema dunar da zona de Panxón, ademais de afectar ás pasarelas de madeira de acceso ao areal, ás duchas e a parte da varanda de aceiro inoxidable e do pavimento do paseo marítimo.
Os traballos consistirán principalmente en grandes movementos de area co obxectivo de rexenerar o ecosistema dunar e frear o avance da erosión. Ademais, reporanse os accesos peonís á praia e redeseñarase a pasarela de madeira situada na zona de Praia América, actualmente pechada ao público ao resultar impracticable.
A licitación das obras realizarase por vía de emerxencia ao longo deste mes de marzo, coa previsión de que os traballos poidan comezar a principios de abril.
O proxecto non inclúe a reparación do paseo fixo de Panxón, que será rehabilitado con fondos propios do Concello. Segundo explicou o alcalde, trátase dunha actuación paliativa que busca unha rápida recuperación ambiental do areal e facilitar a adaptación do litoral aos efectos do cambio climático.
Durante a reunión tamén se abordou o Plan Especial de Ordenación do Litoral no municipio, co obxectivo de introducir cambios que permitan ampliar o espazo dunar e avanzar no deslinde marítimo-terrestre, ao tempo que se estudan alternativas de aparcamento na contorna. Ademais, Costas elaborará un estudo sobre o desprendemento rexistrado en Monte Lourido para determinar a mellor solución de rexeneración da zona.
